Monday 29 de April de 2024

Feijóo avoga por converter a recuperación incipiente nunha oportunidade para tomar decisións estratéxicas que fagan crecer a Galicia do 2016 pero coa vista posta na galicia do 2020


Afirma que é nestes tempos onde o Consello Económico e Social adquire unha importancia capital, onde as súas recomendacións son máis necesarias ca nunca

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por converter a recuperación incipiente nunha oportunidade para tomar decisións estratéxicas que fagan crecer a Galicia do 2016 pero coa vista posta na Galicia do 2020 e máis alá. E, nesta liña afirmou que é nestes tempos onde o Consello Económico e Social adquire unha importancia capital, onde as súas recomendacións son máis necesarias ca nunca.

“Necesitamos unha lexislación intelixente e completa, que achegue as mellores solucións posibles para os problemas máis complicados que temos que afrontar. E sabemos que a mellor forma de chegar a ela é escoitando as voces que se reúnen aquí”, aseverou, durante o acto de toma de posesión da presidenta e dos novos membros do CES.

Sobre este punto, Feijóo lembrou que o Consello Económico e Social leva máis de dúas décadas “garantindo que a nosa lexislación tente ser acorde coa pluralidade do noso país”. “Esta institución é boa proba de que escoitando a todo o mundo é como se pode chegar ás mellores solucións. Aquí, unha representación do noso tecido económico e social vela pola calidade da acción de Goberno. Cada anteproxecto de lei e cada proxecto de decreto sobre materias socioeconómicas pasa polo CES, onde se enriquece coas achegas dos diferentes axentes que o compoñen”, dixo.

“Escoitar a voz das organizacións sindicais, da Confederación de Empresarios, dos representantes do agro, do mar, dos consumidores e das universidades é a mellor garantía de que elaboremos a mellor lexislación posible”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta incidiu en que o Consello Económico e Social emite ditames, elabora informes e funciona como órgano consultivo, funcións todas elas que se poden resumir nunha: escoitar. “E esa é unha das principais virtudes que posúe a súa presidenta”, asegurou, subliñando que Corina Porro representa unha actitude que busca puntos de encontro, que pon o aceno nas semellanzas e non nas diferenzas e que cre que ningunha opinión sobra, senón que todas suman.

“Este Consello leva moitos anos demostrando que, entre galegos, non hai posturas irreconciliables. Demostrando que, cando hai vontade, se pode chegar a acordos”, concluíu.